Vermudo II, un rei galego desde o Cantábrico até o Mondego.
Hai 1041 anos, concretamente 15 de outubro de 982, Vermudo II foi
coroado na catedral de Santiago de Compostela como rei da Galiza. Membro
do círculo familiar dos Goterres e pai de Afonso V, actuou como instrumento do partido galego na delicada conxuntura de finais do século X.
A loita pola hexemonía entre os distintas territorios vai cruzar a vida
do reino cristián peninsular na segunda metade do século X. Se tras a
morte de Ramiro II, criado en Celanova e membro do clan dos Goterres, o
seu fillo Sancho I xoga a carta de Castela e León, o que provoca o
enfrontamento cos galegos que impoñen como monarca ao seu irmán Ordoño
III, unha situación semellante vaise vivir cos fillos destes Ramiro III e
Vermudo II. Un é outro defenden intereses contrapostos, sintetizando a
súa presenza no trono o predominio dunha ou outra facción no Goberno do
reino cristián peninsular.
As novas circunstancias xeopolíticas na península, como consecuencia
da debilidade do reino navarro e da ruptura do pacto entre Ramiro III e o
califa de Córdoba, levaron os galegos a impulsaren unha nova
candidatura ao trono. Neste contexto, produciuse o 15 de outubro de 982,
na Catedral de Compostela a coroación oficial de Velasquita e Vermudo II,
quen xa actuaba desde finais do ano anterior como monarca galego á
vista do recollido nunha doazón ao mosteiro de Guimarães, fundado por
Mumadona Dias, a matriarca do clan dos Méndez e “irmá de sangue” de
Ramiro II.
A entronización de Vermudo e Velasquita
O acto de entronización de Vermudo e Velasquita foi toda unha
declaración de intencións do programa político do monarca e do novo
núcleo de poder no reino. A presidencia do mesmo correspondeu a San
Rosendo, que volveu a Compostela após ser apartado da cadeira episcopal
por Rodrigo Vasques, home de Ramiro III na Galiza, para impor o seu
fillo Paio Rodrigues como bispo. Ao tempo, estiveron presentes os
membros do núcleo central da oligarquía galega como Gonzalo Mendes e os
seus fillos, Goterre Osorio, Aloito Fernandes, Rodrigo Ordoñes ou Froila
Vímaras.
O novo rei non conseguiu o control efectivo do reino até finais de
984. Se desde 981 a área galega portuguesa xa estivo rexida polo novo
monarca, este atopou resistencia nunha parte das terras leonesas e
castelás. Así as cousas, Vermudo actuou
durante tres anos como rei privativo da Galiza, asumindo o control
doutras zonas da coroa a partir de mediados de 984. Malia que a
historiografía españolista retrasa até 985, data da morte de Ramiro III,
a entronización de Vermudo en León, á altura de 984 as terras de
Saldaña xa estaban baixo o seu Goberno, resistíndose até o final o
condado de Castela, en mans de García Fernández, fillo de Fernán
González, co apoio das tropas musulmás.
Vermudo vai actuar en política como un instrumento do partido galego.
O seu círculo familiar está formado polos Goterres, destacando entre
estes Mendo González, conde de Portugal, titor do fillo de Vermudo,
Afonso V e pai da súa esposa, a futura raíña Elvira Mendes. Ao tempo, o
monarca liga lazos con esta familia ao casar con Velasquita Ramíres
membro da saga dos Guterres, como filla de Adosinda, irmá de San Rosendo
e da raíña Goto e filla de Santa Aldara. O propio Vermudo fai parte
tamén deste grupo familiar, na súa condición de neto de Ramiro II, fillo
de Elvira Mendes.
Os Goterres
O circulo dos Goterres significa o núcleo central de poder da
monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular e evidencia a orixe
galega de todos os reis e raíñas desde finais do século IX até comezos
do século XIII. Unha viaxe pola rama paterna de Vermudo , neste caso a
dos Goterres, onde San Rosendo xoga o papel de cabezaleiro, certifica
que sete mulleres desta familia, rematan como raíñas, Elvira Mendes,
Adosinda Goterres, Aragonta Gonzales, Goto Nunes, Teresa Ansures,
Velasquita Ramires e Elvira Mendes.
A historiografía españolista non adoita a ser xusta con Vermudo.
Coñecido como o Gotoso, por sufrir da doenza de gota, alcume imposto
polo seu inimigo Paio de Oviedo, o seu cronista, o bispo Sampiro
cualifícao de “prudente”, porén o relato maioritario colócao como un
monarca incapaz, seguindo a liña argumental aplicado a aqueles reis que
se teñen caracterizado durante a súa vida polo enfrontamento con
Castela. Ao tempo, as circunstancias políticas marcadas polo grande
vigor do Califato de Córdoba e dunha endiañada situación interna non van
facer doada a súa xestión.
A valoración negativa sobre este monarca galega está condicionada polo
sentido da súa acción de goberno. Precisamente, toda a súa vida política
está cruzada cun duro enfrontamento co partido castelán, que tentaba o
control dunha parte do Reino da Galiza,
naquela altura conformado por un amplo territorio, cuxos lindes
chegaban desde o Cantábrico até o Mondego e desde o Atlántico ás terras
de Araba e Castela.